Opinión

Marín regala pedras vellas

Nov 29, 2017 Marín Opina

Álvaro R. Arizaga Castro | Arqueólogo, profesor e xefe de estudos na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (Pontevedra)

Confírmase nos medios de comunicación o  derrubo do conxunto histórico de vivendas en pedra da rúa Méndez Núñez en pleno centro de Marín. É un día triste para o patrimonio cultural da vila. A súa demolición estaba planificada dende hai bastantes anos, en concreto dende a redacción do plan urbanístico. Neste plan aprobouse o derrubo de todo o conxunto para a creación dun inmenso “polígono” de edificacións modernas, o S.U.N.C.-P4, que implica incluso a apertura de novas vías ó tráfico rodado pese a que a zona, por ubicación e características, xa está reservada ó uso peonil.

O plan impedía na práctica calquera acción de restauración dalgún propietario particular, como podería ser o Ateneo Santa Cecilia: esas vivendas estaban condenadas de antemán e nin sequera se tiña en conta a conservación das súas fachadas, dado que a fronte ía ser retranqueada uns metros. Esta proposta de polígono foi, por certo, invalidada e modificada nalgunha das súas partes por unha sentenza do 2015 do Tribunal Supremo. O PXOM aínda non foi modificado segundo ordena esa sentenza do Supremo: poderiamos ironizar que parece que en Marín hai certa actitude de resistencia ante a xustiza, dado que tampouco se executa a sentenza sobre os recheos do porto. Pero esa é outra historia.

Tamén as “Ruínas” de Santo Domingo comezaron a ser demolidas, exactamente pola mesma razón que esgrime o Concello de Marín, a seguridade dos transeúntes.

Agora, incluso antes de facer caso ó Supremo, o Concello apresúrase a fomentar esa demolición, declarando ruína as construcións e alegando que a seguridade dos transeúntes esixe o seu derrubo total e inmediato. Os propietarios, que non dispoñen de recursos económicos, vense obrigados ou convencidos a aceptar a “solución final”, ante a posibilidade (relativamente remota) dun accidente. Asombra neste caso a urxencia do Concello para a destrución, cando hai tantas tarefas pendentes na vila e tantos edificios a medio construír e abandonados.

Os que traballamos co patrimonio cultural desanimámonos cando vemos que algúns chaman ruína ó que nón consideramos valioso. Tamén as “Ruínas” de Santo Domingo comezaron a ser demolidas, exactamente pola mesma razón que esgrime o Concello de Marín, a seguridade dos transeúntes. Hoxe podemos ver o que quedou porque os membros da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra se encerraron no interior das ábsidas e conseguiron parar as obras.

Esas construcións da rúa Méndez Núñez non son moi espectaculares para ollos ignorantes, sobre todo no seu estado actual. Tampouco son moi antigas: seguramente non van máis atrás do século XIX a maioría delas. Non foron protexidas no PXOM nin catalogadas pola Consellería de Cultura. Por tanto, moita xente pensa, quizais con razón, que non son bens culturais e deben ser eliminadas. Ninguén quere un casco vello inseguro, suxo e abandonado, iso é obvio. Pero os que traballamos co patrimonio cultural pensamos que esas casas son suficientemente antigas, que son patrimonio etnográfico, que son a continuación lóxica da Rúa Real na conexión entre a igrexa e o Concello, entre o poder relixioso e político. Tamén pensamos que forman parte integral do casco antigo, que seguen un trazado dende logo medieval, se non máis antigo, e que son do pouco, ou único, que Marín conserva da súa industria tradicional relacionada co mar.

O Concello debería ter unha concepción diferente do que é o patrimonio e o urbanismo, un afán de restauración e non de destrución

Certo é que as construcións modernas inmediatas alteraron a paisaxe, que os bens etnográficos, collidos dun en un, non parecen valiosos… pero o valor dos bens etnográficos é o seu contexto e, neste caso, o conxunto persistía case na súa integridade. Unha intervención de conservación preventiva que garantise a seguridade tería sido moi barata para as arcas do Concello. A zona era, ou é aínda, un espazo idóneo para a creación dun espazo cultural e verde no interior da vila, fomentando a conservación e a restauración das estruturas antigas, compatibilizando a residencia particular co uso público e incluso pensando na conservación futura do xacemento arqueolóxico romano que, con case toda seguridade, pervive baixo terra naqueles solares. Para iso era necesario que o Concello tivese unha concepción diferente do que é o patrimonio e o urbanismo, un afán de restauración e non de destrución. Cando ese inmenso solar estea “limpo” e implique beneficios inxentes para as empresas constructoras, cando o valor do futuro polígono estea noscentos e millóns de euros… o patrimonio etnográfico xa non estará e o arqueolóxico estará en risco inminente. Poderá ser escavado, pero só moi parcialmente conservado.

A fotografía que acompaña este texto non é da rúa Méndez Núñez. É unha fotografía do edificio do século XVIII derrubado impunemente na rúa Calzada non hai tantos anos, un de tantos bens arquitectónicos e urbanísticos de Marín que só permanecen na memoria. As construcións da rúa Méndez Núñez levan o mesmo camiño. Quizais os que esteamos equivocados somos os que traballamos co patrimonio cultural, dado que a sociedade, a clase política, os técnicos de urbanismo e de cultura da Xunta de Galicia, non consideraron que aquilo fose valioso. Nin sequera a pedra parece valer cartos, dado que se vai regalar á empresa destructora.

Pero ninguén regala duros a catro pesetas: neste caso, a desaparición do patrimonio arquitectónico de Marín vai fondamente ligado a uns intereses urbanísticos evidentes. A crise inmobiliaria foi grave, pero parece que non suficiente para que a sociedade entendese a clave da problema. As casas de Méndez Núñez non só son valiosas culturalmente: tamén son moi valiosas dende a perspectiva económica, e esa foi a súa condena. O problema é que o tipo de beneficio que sacaremos, público ou privado, dunha maneira ou da outra, será totalmente diferente. Uns pensamos en bens culturais, asociacións, museos, auditorios, xacementos arqueolóxicos, espazos abertos, zonas verdes, vivendas restauradas e dignas… outros pensan en número de pisos, en cartos en definitiva. Mentres tanto, Marín vai quedando sen pedras vellas, pouco a pouco pero inexorablemente.