
A vila volve aos tempos de Gago de Mendoza coa “abordaxe” da Festa Corsaria
Hai 7 anos xa desde que se puxo en marcha a Festa Corsaria en Marín, unha feira de época que cada verán fai regresar á vila ás súas orixes. A abordaxe corsaria e a temática foi calando, aos poucos, entre os marinenses convertendo esta cita nunha das máis esperadas do período estival. A sétima edición da Festa Corsaria celebrarase o 18 de agosto pero ademais entre os días 17 e 19 de agosto poderase gozar dun programa de actividades especial e unha feira de artesanía.
O Concello de Marín pretende consolidar esta festa e aumentar a participación da hostalería e veciños, por iso traballa en mellorar as actividades que se ofrecerán. Neste sentido, ademais dos tradicionais concursos de decoración das mesas de hostalería e particulares, haberá un novo de escaparatismo e outro baseado nas redes sociais e as fotos realizadas durante esta edición.
LOOK PIRATA
Este festín que se celebra en honra ao corsario marinense, Juan Gago de Mendoza, leva vestir de época a toda a localidade. Obxectivo que vai máis aló das rúas e establecementos do municipio. Os marinenses prepáranse xa para confeccionar ou adquirir os seus disfraces de pirata e artigos de ambientación.
Ataviarse para a Festa Corsaria rolda prezos de entre os 10 e 30 euros nos comercios da vila. Os máis madrugadores encargaron con tempo a confección das súas vestimentas, mentres que os máis preguiceiros prefiren adquirilo xa feito.
RESERVA DE ESPAZOS
Desde o pasado 15 de xuño está aberto o prazo de solicitude de espazos para instalar mesas tanto para hostaleiros como para particulares polas rúas de Marín. O prazo de presentación de solicitudes termina o próximo 10 de agosto. Para máis información consultar a web do Concello ou da Festa Corsaria. A inscrición para participar na feira de artesanía finaliza o 1 de agosto.
O programa de actividades xa está dispoñible na web oficial do evento e entre as súas actividades destacan os espectáculos circenses, o desembarco pirata, os concertos, teatro rueiro… Todo iso polo centro urbano da localidade.





